martes, 29 de noviembre de 2016

Relatos dun pescador afortunado: VORÁXINE EN SAMIL

                                                           VORÁXINE EN SAMIL
                                                                    1-11-1994

     Durante todo o mes de outubro, novembro e ata principios de decembro daquel glorioso ano de l994, sempre que o mar reunía as condicións axeitadas,  toda a pesca era fructífera. Co transcurso dos anos non volvín ver nada igual, tampouco o mar volveu ter o mesmo comportamento, entendo que a partir de aí empezou un cambio a peor, que co paso dos anos se acentuou. Esta observación é compartida pola maioría dos pescadores máis veteranos, e polo gremio dos surfistas, que en aquel ano contábanse cos dedos dunha man os seus practicantes, eran poucos e dispoñían de mais días para surfear, e mesmo naqueles tempos, pescadores e surfistas compartían a praia de Patos sen problemas de espazo. Co paso dos anos diminuíron os días de ondas, aumentando de tal forma o número de practicantes de surf, que xa se fixo imposible a práctica da pesca deportiva.

     Pero retrotraíndonos a aquel ano, recordo que a tarde do día 31 de outubro, dando un paseo por Samil, fun testemuña de algo que me acendeu a faísca para que ao día seguinte madrugase, achegándome ata alí para facer unha pesca memorable: un veterano pescador xa xubilado, daba renda solta á súa afección pescando na parte mais oriental da praia, facíao a fondo con bicho, o mar prestábase a iso, pois revolvía coa súa forza todo o fondo da praia, sacando toda clase de bichería dos seus acochos, dándose as robalizas un festín como puiden comprobar polas picadas case continuas que tiña o citado pescador. O home non era moi hábil pero, aínda así e todo, conseguira sete robalizas nun par de horas, dun tamaño similares ás que eu levaba un tempo pescando: primeiro en Saiáns, logo en Patos, levando unha semana coa pista perdida ao peixe, estaba claro que se asentaran naquela zona, e como ao día seguinte era festivo tocaba madrugar.

     Ao día seguinte cando cheguei aínda era noite pero pronto empezou a primeira claridade do día, a praia estaba deserta, impoñía tal magnitude cun silencio só roto polo estrondo das ondas. Como xa saíra de casa completamente abastecido para a ocasión, nun "plis plas" xa estaba "vareando" co meu Toby de 25 gramos, que lanzaba con toda a miña potencia, deixándoa chegar ao fondo da area, para arrastrala ao principio para revolvelo, simulando a saída dun birlo enterrado, cando o reclamo saía disparado co seu nadar sinuoso era atacado de inmediato pola voracidade do cardume de robalizas. Estaban a esperar o nacemento do día para comezar unha voráxine polo seu instinto salvaxe, picaban rabiosas, con furia, dende un principio non me daban tregua, fun introducindo robalizas na rede unha detrás doutra, cando completei a saca fun baleirala á bandexa do coche dándome toda a présa que podía, non había testemuñas, mellor. Cando volvín xa non sentín picada algunha onde minutos antes parecía telas todas facendo cola. A marea estaba a baixar, era normal que o peixe se movese, despraceime uns douscentos metros á miña esquerda, coa esperanza de que o mar me permitise cruzar a unha grande pedra, que coa marea baixa quedaba unida á praia por unha especie de tómbolo de area, tiven sorte, coas botas de goma conseguín acceder a ela. Primeiro "vareei" pola fronte da pedra e á súa esquerda, e non sentindo picada algunha, acabei desprazándome á dereita e empecei a lanzar no sentido das cristas das ondas, en paralelo a estas, e aí si, empecei de novo a cravar unha detrás doutra ata completar de novo a saca de rede. A esa altura da mañá xa empezaban a chegar os primeiros visitantes á praia, como o peixe comezaba a picar dunha forma mais espazada e o cansazo facía mella en min, optei por recoller e trasladarme co peixe ao coche para non alarmar.

     Como aínda era cedo, trasladeime á praia dos Olmos, cara o interior da ría. Non había unha alma, o mar pintaba ben e tentoume, baixei a facer unha pequena proba por se acaso e vaia se resultou. Empecei a varear dende unha pedra á que se podía acceder pola altura da marea, que xa baixaba con forza, lanzaba por toda a fronte, o mar de fondo daba unha tonalidade obscura á auga axudando á camuflaxe do "rapala", opción que considerei polo calado que alí había. Non me equivoquei, unha “caw down”, especial de once centímetros coa barriga laranxa, xa me dera moi bo resultado en zonas de calado e augas tomadas. No primeiro lance xa tiven unha picada que non tiña nada que ver coas anteriores, o animal tiraba con forza e obrigoume despois de cravalo a soltar o freo para traballalo con comodidade e esmero. Como a fronte estaba libre de obstáculos, deixábaa correr de dereita a esquerda e viceversa, ata que o animal perdía fol, non era un "robalo", pero triplicaba en peso as da primeira hora, conseguín facerme con cinco pezas que case chegaban aos dez quilos, aquel día volvín sinalar tres pezas máis pola tarde, e en días posteriores seguín pescando naquela zona e en Samil, pero xa en menos cantidade, ata que a mediados de novembro  rematou o "chollo". Primeiro por que diminuía o número de capturas e despois porque alguén se encargou de correr a voz e ao final había máis pescadores que robalizas.

     Eu tiven a inmensa fortuna de aproveitar os mellores días e ao final agradecín que o peixe se fose dalí, pois rematei completamente saturado xa sen ganas de pescar por unha tempada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario