jueves, 26 de febrero de 2015

Relatos dun pescador afortunado: O DETONANTE

                                                       O DETONANTE
                                                           Outubro 1986
   
 
      O mellor daquela noite foi o detonante de algo que me cativou e fixo posible un cambio radical no ocio e no emprego do meu tempo libre.  A partir de aí, empecei unha especie de aventura que me deu moitos días nos que me considerei un home afortunado por gozar e vivir momentos de privilexio, sensacións que co paso do tempo minguan en cantidade pero aumentan en intensidade. Avanzaba eu pola trintena, as miñas obrigas e responsabilidades condicionaban as miñas afeccións, a casualidade quixo que á pesca me enganchase. O detonante sucedeu a noite que sentín a maxia que revolucionou para sempre o pracer dos meus sentidos. Aquela noite máxica en min exerceu unha especie de enmeigo que me acompañaría para sempre. A partir de aí as experiencias arremuiñáronse na miña mente, pero grazas a un caderno onde as teño anotadas unha a unha, fíxenme cun compendio de datos que me permitiron ordenalas coas súas datas auténticas. Os feitos narrados son reais e en nada esaxerados, as miñas emocións e sentimentos transmítoos reflectíndoos coa efusividad que o meu carácter me dá.

      Retomando o principio daquela noite de outubro de 1986, era unha noite de sábado para domingo e esta facíase moi longa, pero aquela vez ía abastecido cunha cana de pescar que lle regalara ao meu fillo Germán e que el apenas utilizaba. Pedín consello ao meu compañeiro Hernández, nisto da pesca era, e segue sendo, un fenómeno ao que "había e hai que deixarlle comer nun prato á parte". Asesoroume, tomei nota fidedigna e detallada, abastecéndome do material axeitado para a experiencia. Recordo que esperei ata a unha da madrugada, hora en que aparquei o meu vello coche, un Renault 12 familiar, xunto á coroación do peirao nº 4 do Areal, armei a cana coa sedela, anzol e chumbada recomendados, e de cebo empreguei uns camaróns que tiña nun viveiro colgado dunha das defensas. Deixaba chegar o chumbo ao fondo e recollía dúas voltas de carrete, buscando no fondo as miñas posibles presas, pero non sucedeu nada, recollín dúas voltas máis, xa a uns tres metros do fondo e tampouco sucedeu nada, despois dun tempo de espera e non suceder nada, volvín recoller dúas voltas máis e como tampouco sucedía nada, desanimeime e optei por prender o mango da cana debaixo dunha das rodas do coche; sentei e púxenme a ler. Cando máis distraído estaba e daba por frustrada a miña experiencia, unha picada que dobraba con brío a punteira da cana púxome en tensión, agarrei a cana, e como tiraba a condenada, estiven un anaco a gozar -pois a sensación era agradable para min, imaxínome que non para o animal. Empecei a recoller non demasiado aprisa, ata que apareceu a flote unha fermosa robaliza izándoa ata a miña posición, onde nervioso solteina do anzol, depositándoa na bandexa do maleteiro, volvín prender outro camarón e deseguido lancei, deixando baixar o chumbo ata o fondo, recollendo a continuación seis voltas de carrete, para situarme á altura de onde sentira a picada, non me desprendín da cana e non tiven que esperar moito para sentir unha sutil picada, entón baixei a punteira da cana e esperei a sentir a estirada da sedela para cravar o anzol.

       Estiven así unha e outra vez, ata repetir a operación 23 veces. Cando me din conta eran xa as 5.30 da madrugada, vivía un sono que morría, pois xa facía un anaco que a voráxine rematara. Esta experiencia supuxo para min o enganche a unha afección que se estendería ao longo dos seguintes 20 anos, con tal dedicación e actividade que isto deu lugar á vivencia de centos de momentos que eu teño por estelares, ou sexa únicos e irrepetibles.













No hay comentarios:

Publicar un comentario