jueves, 11 de diciembre de 2014

Relatos dun pescador afortunado: REPRODUCCION DA ROBALIZA

                                      REPRODUCCIÓN DA ROBALIZA


      Tradicionalmente, á robaliza víñaselle clasificando dentro da familia Serranidae (grupo hermafrodita). Pero era a única especie desta familia claramente gonocorista (animal que non pode cambiar de sexo). Ultimamente incluíaselle dentro da familia Moronidae, pertencente á clase Actinopterigia, orde Persiformes, xénero Dicentrarchus e especie Labrax.

        A vivencia de experiencias in situ, pescando robalizas de todos os tamaños a través das diferentes estacións do ano ao longo de máis de dúas décadas e a observación, grazas á posición privilexiada polo desempeño do meu labor profesional como policía portuario no porto pesqueiro do Berbés, controlando as descargas de peixe en lonxa dos arrastreiros, trasmalleros e palangreiros de litoral, o cambio de impresións cos patróns das embarcacións que me indicaban zonas e profundidades onde se producían as capturas de robalizas; exercer este control a través de varios anos deume parte das claves para desentrañar de modo empírico os costumes e o porqué do comportamento reprodutivo destas. Comportamento que vén sendo un ciclo repetitivo e regular dende miles de anos atrás. Todo é previsible dentro dunhas marxes, pois os feitos non se producen por automatismo, senón por condicionantes.

        Cando comeza o inverno as robalizas femias xa adultas están listas para procrear, entón empeza o cortexo e varios machos acosan a cada unha das femias seguíndoas incansables, ata que esta sente a necesidade de desprazarse á zona de desova, situada en augas profundas entre 80 e 120 metros. Nesa época é cando os barcos de pesca dedicados ao arrastre e os trasmalleros de profundidade, capturan, un ano si e outro tamén, especímenes femias preñadas de ovas, non rexistrándose capturas de robalizas neses fondos con anterioridade e posterioridade a ese período, proba fidedigna de onde desovan. Van por ondadas, non todas as femias senten a necesidade de desovar ao mesmo tempo, pero cando esa necesidade é perentoria acoden con presteza acompañadas polos machos, que ao mesmo tempo que as femias desovan os ovos fecundan estes co seu esperma. Cada femia expulsa da orde de 500.000 ovos que, unha vez fecundados, aos tres días eclosionan, convértense en larvas que remontan ata a superficie e flotan. As especies que habitan estas zonas non adoitan incluír na súa dieta ás diminutas larvas, aumentando así as súas posibilidades de supervivencia, algo que non acontecería nas zonas superficiais da costa onde abundan especies que as depredarían. Desenvólvense con rapidez, 46 días despois, as pequenas robalizas; ao alcanzar uns catro cm revístense de escamas, adquirindo a figura de adultos e deixándose arrastrar por correntes procedentes do outro lado do Atlántico que, por esas datas, pasan polas súas zonas de desova, trasládanse a esteiros e zonas de augas tranquilas, onde se alimentan ata crecer o suficiente, uns 250 gramos, abandonando estas zonas para trasladarse ao seu verdadeiro hábitat onde desenvolvesen a súa vida.

        En canto as robalizas rematan o proceso de desova, regresan escuálidas e famentas ás augas próximas á costa onde se alimentan ata recuperar o seu peso normal. Por iso ás veces, sobre todo no mes de marzo, captúranse grandes femias "chupadas" inservibles para comer. A ignorancia fai que ás veces algúns pescadores sacrifiquen inutilmente uns animais que son moi necesarios para continuar a reprodución desta especie cada vez máis escasa.


No hay comentarios:

Publicar un comentario